Historia

Dende fai 300.000 anos

O xacemento paleolítico de Louselas e outros castros que se sitúan no termo municipal testemuñan a antigüidade dos asentamentos humanos nas terras do actual concello de Ribadeo. Por esta razón, non é estraño atopar referencias ás súas parroquias e a moitas das súas entidades nos documentos alto-medievais (s. VIII – XI).

O burgo de Ribadeo, con todo, comezou a súa historia como núcleo urbano a partir da carta foral que daba certos privilexios e dereitos á súa poboación, entre eles o de celebrar un mercado semanal. Corría entón o ano 1183 e o documento levaba a firma do rei Fernando II.

A vila medrou e construíronse novas rúas, ampliouse a muralla, chegaron os conventos e os pazos urbanos, que pertencían a fidalgos e comerciantes acomodados. Foi capital do condado de Ribadeo, título creado no século XIV e que durante séculos levaron os cabaleiros da liñaxe dos Villandrando.

Ribadeo desenvolveuse como núcleo comercial de primeira orde no Cantábrico hispano. A súa é unha historia de mariñeiros e capitáns que comerciaron con viño, madeiras, liño ou cereais; tamén de agricultores e gandeiros, que desde as parroquias do interior, aprovisionaban a vila e ós viaxeiros de alimentos e produtos procedentes das pequenas industrias rurais.

No século XIX comezan a ter lugar unha serie de cambios que contribuirán a conformar o concello que hoxe coñecemos: a organización do municipio, a derriba das vellas murallas, o desenvolvemento de novas rúas e estradas, unha dinámica vida social e cultural, emigración e posterior retorno dos indianos, xunto coa puxanza económica e cultural da súa actividade.

RibadeoXQSi

GRATIS
VER