Camiño Natural Ruta do Cantábrico

Esta etapa do Camiño Natural da Ruta do Cantábrico comeza no porto de Ribadeo, transitando pola liña costeira e gozando de espectaculares cantís e praias, percibindo o viaxeiro a estreita relación das xentes do lugar co medio mariño. O punto final localízase na praia das Catedrais, declarada Monumento Natural pola enorme beleza das singulares formas rochosas creadas polo mar.

Esta ruta, deseñada para sendeiristas e que cobre 18 quilómetros, pódese percorrer en 4/5 horas e practicamente todo o traxecto é chairo. Seguindo o trazado prefixado o camiñante coñecerá, entre outros lugares, a Illa Pancha e o seu faro e o Castro das Grobas, paraxes naturais que son únicas na costa cantábrica, e ademáis diso as pequenas calas e os cantís que conforman a espectacular costa ribadense.

Despois de superar o quilómetro 8 o viaxeiro pode visitar o Castro de Fornelos e dirixir os seus pasos cara a Rinlo. Nas súas proximidades, unha furna esculpida polo mar, que o viaxeiro non debe deixar de visitar, e a área recreativa Campo do Cristo, conducen camiñante ata Rinlo, localidade pesqueira coa segunda confraría de pescadores máis antiga de España. O camiño transita polo paseo marítimo para alcanzar, unha vez abandonado o centro urbano, o porto de Rinlo e a continuación unha antiga cetaria. Nas cetarias entra a auga do mar para a cría de crustáceos.

Superado o quilómetro 15, entre cultivos e gando vacún, deixando atrás unha bela praia rochosa, o Camiño Natural accede á espectacular praia dos Castros, dotada dun gran aparcamento e varios miradoiros. A etapa continúa por un camiño ancho moi próximo á liña de costa, chegando á praia das Illas, onde o camiñante pode gozar da beleza da paisaxe composta polos numerosos illotes próximos á costa, circunstancia á que debe o seu nome.

A continuación abandónase a praia e continúase pola estrada situada á fronte, pasando polo quilómetro 16. Posteriormente vírase á dereita continuando por este vial asfaltado para virar á esquerda pola estrada LU- P-610, abandonando esta última nun xiro á dereita á altura do quilómetro 17, na praia de Esteiro, que forma parte do Monumento Natural das Catedrais.

O tramo final desta etapa discorre por un camiño, que xusto antes de chegar ó momento final transita paralelo á estrada LU- P-610 penetrando na praia das Catedrais polo seu aparcamento, sendo esta paraxe un inmellorable colofón de etapa.

RibadeoXQSi

GRATIS
VER