Xeo-Rutas

Unha viaxe de 500 millóns de anos

A costa ribadense ten dúas caras, unha plácida, a ría, e outra salvaxe, os cantís nos que rompe o Cantábrico, formacións xeolóxicas nas que o mar traballou durante séculos a rocha creando covas e arcos de pedra que chegan a superan os 30 metros de altura nalgúns casos.

A través das tres xeo-rutas que percorren o litoral de Ribadeo poderás facer unha viaxe de 500 millóns de anos pola Praia das Catedrais e Rinlo.

Con esta ruta xeolóxica poderase descubrir, paso a paso, o proceso que deu lugar ós arcos rochosos da praia das Catedrais, o maior conxunto de arcos rochosos da Península Ibérica. E ademais, a explicación do motivo polo que se concentra un número tan importante deles nesta praia. Estamos ante un incrible Monumento Natural que representa unha das marabillas xeolóxicas máis destacadas que temos en Galicia. Do mesmo xeito, este treito costeiro mostra moitos elementos xeomorfolóxicos (furnas –covas mariñas-, ollos – bufadeiros-, illotes, etc.) presentes na evolución destes cantís da Mariña.

Esta zona da costa de Ribadeo é moi peculiar; forma parte do que se coñece como “rasa cantábrica”, que non é outra cousa que unha superficie aplanada a medio camiño entre os cantís e as montañas, duns 3 quilómetros terra adentro. As rochas que atopamos nestes cantís son lousas e cuarcitas, que forman capas ben visibles e que se erosionan facilmente co embate do mar. Esta erosión é moi intensa, o cal favorece a formación de furnas (covas mariñas), ollos (bufadoiros), arcos e illotes. Todas estas peculiaridades fan que esta zona teña o recoñecemento de lugar de interese xeolóxico.
A Xeo-ruta dos Ollos toma este nome da concentración, nesta parte da costa, dunhas formacións xeomorfolóxicas denominadas “ollos”. Este é o nome que lle deron os pescadores locais ás estruturas circulares que aparecen na parte superior das zonas litorais, e que permiten a entrada de luz nas furnas. Así, dende o mar, parecen ollos de luz nas escuras paredes do cantil.

Nesta xeo-ruta descubriremos unha das maiores estruturas xeolóxicas da Mariña lucense, un gran pregue que se estende dende a Ría de Foz ata a Ría de Ribadeo. Neste sector camiñaremos pola súa charnela, zona de máxima curvatura, caso das enseadas da Vella e O Loureiro. Este pregue xerouse durante o Paleozoico Superior, debido á colisión de dous supercontinentes, hai máis de 350 millóns de anos. Como complemento á visita, destacaremos a presenza de bos exemplos de erosión diferencial, e descubriremos materiais que nos indican que o nivel do mar non sempre foi o mesmo.

RibadeoXQSi

GRATIS
VER