Cando a finais do s.XIX e principios do s.XX os primeiros emigrantes retornan de América, prodúcense grandes cambios en Ribadeo co mecenado de diversas iniciativas socioculturais, investimentos en industria e comercio, e a mellora de diversas infraestruturas e equipamentos. Estes emigrantes retornados, coñecidos como “Indianos”, construíron grandes casas con xardíns exuberantes que, polo seu deseño cosmopolita e os materiais utilizados, contrastan coa arquitectura tradicional. A Ruta dos Indianos permite no seu percorrido coñecer as construcións indianas máis emblemáticas da vila de Ribadeo, exemplos dos máis significativos en Galicia, dende a céntrica Praza de España, pasando o Barrio de San Roque e ata un dos antigos accesos a Ribadeo.