CASA DE GUIMARÁN E ANTIGA ADUANA
Unha vez situados no Paseo Marítimo, avánzase -cara á Ponte dos Santos-, ata chegar a unha explanada (aparcamento) dende a cal se contemplan dous edificios moi importantes deste percorrido. O primeiro deles, á dereita -de costas ó mar- é o Pazo de Guimarán e á esquerda, a antiga Aduana.
O Pazo de Guimarán é un gran edificio do século XVIII construído -ou ampliado- polo rico empresario e comerciante Bernardo Rodríguez de Arango e Murias Mon, alcumado “O indiano” e nado en Santa Eulalia de Oscos (Asturias). Nesta casa traballaría Raimundo Ibáñez iniciando a súa carreira como comerciante.
Pola súa banda, a “Antiga Aduana” -que reflicte claramente a relevancia do comercio marítimo en Ribadeo-, é un edificio de porte señorial do século XVIII que foi en orixe o casarón particular de Don Carlos Acevedo Pardo. Nel residiu tamén Pedro Miranda Villamil, exitoso comerciante contemporáneo de Raimundo Ibáñez.