Ribadeo Indiano

Alén do tempo

Cando a finais do s.XIX e principios do s.XX os primeiros emigrantes retornan de América, prodúcense grandes cambios en Ribadeo co mecenado de diversas iniciativas socioculturais, investimentos en industria e comercio, e a mellora de diversas infraestruturas e equipamentos. Estes emigrantes retornados, coñecidos como “Indianos”, construíron grandes casas con xardíns exuberantes que, polo seu deseño cosmopolita e os materiais utilizados, contrastan coa arquitectura tradicional. A Ruta dos Indianos permite no seu percorrido coñecer as construcións indianas máis emblemáticas da vila de Ribadeo, exemplos dos máis significativos en Galicia, dende a céntrica Praza de España, pasando o Barrio de San Roque e ata un dos antigos accesos a Ribadeo.

TORRE DOS MORENO

Esta casa de 1915, símbolo arquitectónico da vila, destaca pola súa estética con claras influencias do modernismo catalán. É a única concibida como “casa de rendas”, dividida en tres vivendas por planta, e con notables avances para as casas da época, como o ascensor, os condutos interiores para a recollida de lixo, ou os baños en todas as vivendas.

CASA DE DON CLEMENTE

Trátase dunha reforma realizada sobre dous inmobles preexistentes, o que se pon en evidencia na configuración da fachada, con dúas composicións claras. Trátase dun feito pouco frecuente nas casas indianas, de aí a súa singularidade e o seu valor arquitectónico.

CASA DE «EL VIEJO PANCHO»

Aquí naceu en 1857 José Alonso Trelles, máis coñecido como “El Viejo Pancho”, emigrado a Arxentina e Uruguai, e considerado un dos autores máis representativos das letras uruguaias. Algúns dos seus poemas foron inmortalizados a través da voz de Carlos Gardel. Actualmente o edificio alberga o Centro de Estudos Iberoamericanos.

RÚA RODRÍGUEZ MURIAS

Nesta rúa conviven a arquitectura local e magníficos exemplos de edificios burgueses con balcóns e galerías de forxa, carpinterías de madeira de inspiración “Art Decó” ou fachadas máis sobrias con formas eclécticas de finais do s.XX. Está adicada a José Rodríguez Murias, indiano destacado polas súas numerosas obras benéficas e culturais.

BARRIO DE SAN ROQUE

É o Barrio indiano por excelencia. Da man de emigrantes retornados vaise configurando, dende finais do s.XIX, este novo espazo residencial no que se aprecian diferentes estilos arquitectónicos en función das diversas tendencias predominantes: modernista, art decó, e rexionalista, formando un patrimonio de gran calidade arquitectónica e estilística.

CASA DA AXUDANTÍA

Debe o seu nome a que durante varios decenios acolleu a Axudantía da Comandancia de Marina, aínda que foi concibida como residencia familiar. Destaca nesta construción a utilización do ferro en columnas e balcóns, o que supón unha das maiores innovacións da arquitectura da época.

VIVENDA DE DONA ESPERANZA LEIRAS

O inmoble posúe dous elementos moi característicos da arquitectura indiana: o soportal que avanza e protexe a entrada principal, e o gurugú ou miradoiro acristalado, que recuperaron os indianos dos comerciantes ribadenses dos séculos XVIII e XIX para empregar nalgunhas das súas construcións.

VIVENDA DE DONA ASCENSIÓN PILLADO

Nobreza e sobriedade definen esta edificación de finais do s.XIX. Está inspirada na arquitectura tradicional galega, con xogos de simetrías e cantería de granito, combinada coas tendencias artísticas do momento con fermosos traballos de forxa de formas intrincadas e elegantes.

CASA DOS ANDÉS

Esta elegante casa de 1900 é un exemplo paradigmático da arquitectura ecléctica. A súa arquitectura funde elementos procedentes de diversos estilos, entre os que destaca a implementación de ferro forxado e vidro, que se complementan para dar forma ás dúas galerías ou miradoiros que presiden a fachada principal.

CASA ROSA

Trátase dunha construción de estilo modernista, con proliferación de detalles decorativos, con especial incidencia de motivos florais e vexetais, e coas formas ondulantes en balcóns e cúpula propias do estilo modernista. Este elegante edificio non está incluído no catálogo de construcións indianas xa que o seu promotor non foi un emigrante retornado, aínda que si o foron os seus antepasados.

CASA DA CALZADA

A estrutura e decoración desta casa con aires de vila urbana, remiten a unha arquitectura ecléctica na que destaca a ornamentación modernista “Art Nouveau” en xanelas e balcóns. A torre, de disposición asimétrica, o xogo de formas da fachada e o xardín, revelan a influencia dos chalés de factura francesa.

CASA DOS ENANOS

Con elementos autóctonos reflectidos na sobriedade decorativa ou na torre cadrada típica dos pazos galegos, incorpora formas e tendencias modernas como a apertura ó exterior con grandes xanelas e balcóns. A sinerxia de volumes e materiais utilizados proporciona un aspecto de gran solidez.

CASA DE SELA

Construída en 1869, é unha das construcións indianas máis antigas de Ribadeo. O seu impoñente volume, a sobriedade decorativa e o emprego de cantería de granito, remiten á arquitectura autóctona plasmada nos pazos dos séculos XVIII e XIX. Máis universais son a balaustrada e os vasos que coroan as pilastras. O xardín da casa acolle a típica vexetación Indiana onde non falta a emblemática palmeira.

CASA DO ÓPTICO

Levantada na segunda década do século XX, caracterízase pola sinxeleza das fachadas, quedando a escasa ornamentación circunscrita ás partes altas do edificio e ó perímetro dos vans. Destacan a escalinata de acceso á planta principal e o balcón presidencial, así como o gurugú ou miradoiro que coroa a cuberta e o xardín con especies traídas de ultramar.

CUARTEL VELLO

Con máis de 1.000m² de superficie, é un exemplo dos excesos dalgúns indianos por demostrar o seu poderío. Destaca pola funcionalidade do corpo principal do edificio, así como pola balaustrada que coroa a fachada principal e a carpintería en relevo da súa fachada lateral dereita.

RibadeoXQSi

GRATIS
VER