Ribadeo Ilustrado

 

Unha das épocas de maior auxe económico de Ribadeo prodúcese no século XVIII (o século da Ilustración ou das Luces) cando o porto ribadense consegue unha posición de primeiro nivel entre os portos do Cantábrico. Causa e efecto deste auxe, é o establecemento de destacados comerciantes na vila, que transformará a súa fisonomía coa construción de novas vivendas. Nunha das casas máis importantes da vila (Casa de Guimarán), iniciará a súa andaina empresarial Antonio Raimundo Ibáñez (1750-1809). O Roteiro do Ribadeo Ilustrado percorre, da man de Ibáñez, o centro histórico de Ribadeo, poñendo en valor o seu pasado comercial e o patrimonio legado.

PRAZA DE ESPAÑA

Comeza este percorrido no centro neurálxico de Ribadeo, a Praza de España ou do Campo. Ó redor desta praza, álzanse construcións emblemáticas da vila que nos permiten percorrer a súa historia. É o caso das casas fidalgas, a famosa Torre dos Moreno ou o neoclásico Pazo de Ibáñez, que hoxe alberga a sede do Concello. Este edificio foi mandado construír por Raimundo Ibáñez, Marqués de Sargadelos, como a súa residencia habitual e máis tarde sería propiedade de Antonio Casas Puelles, sendo coñecida como “Casa de Arriba”. O seu soportal con cinco pilastras na fachada principal, é unha das estampas características da vila.

ANTONIO RAIMUNDO IBÁÑEZ

Antonio Raimundo Ibáñez (1750-1809), nacido en Santa Eulalia de Oscos (Asturias), viviu na cidade de Ribadeo corenta e dous anos. Aquí naceron os seus dez fillos e tivo lugar a súa tráxica morte. Foi un adiantado ó seu tempo, intrépido emprendedor, sagaz comerciante, creador do primeiro establecemento español de siderurxia moderna. Os seus emprendementos estimularon o desenvolvemento do Porto de Ribadeo e o auxe comercial da vila no século XVIII ata convertelo nun dos portos máis relevantes do Cantábrico. O seu legado pervive no Conxunto Histórico Artístico de Sargadelos (Cervo).

PRAZA DE ABAIXO

Deixando atrás a Praza de España pola rúa Amando Pérez -antiga rúa Maior-, atravésase o lugar que ocupaba a «Porta da Vila», da antiga muralla para acceder á Praza de Abaixo. Neste espazo, que foi Praza Maior de Ribadeo ata o século XIX, pódese apreciar o edificio do Antigo Consistorio coa súa balaustrada fabricada en Sargadelos e os seus tres escudos, a indiana Casa de Don Clemente, o Cinema Colón de fachada en estilo art decó e a fachada posterior da Torre dos irmáns Moreno.

PRACIÑA DOS CATRO CANOS 

Continuando pola rúa Amando Pérez chégase á “ Praciña dos Catro Canos”.  Antes de acceder a este recuncho tan auténtico da vila histórica, atópase o Pazo de Miranda, que pertenceu a unha das familias máis importantes do comercio marítimo de madeira -entre os séculos XVI e XVII- de Ribadeo. 

PAZO DOS MIRANDA

Trátase dunha casa señorial de baixo e dúas plantas, con tres balcóns con varanda de fundición enreixada e tres sólidos portalóns de madeira con molduras nos baixos. No escudo dereito da súa fachada, pódese apreciar o símbolo desta liñaxe, cinco doncelas cubertas por unha cuncha de vieira.

BIBLIOTECA “EL VIEJO PANCHO”

Próximo á “praciña”,  xa sobre a rúa Antonio Otero, sitúase o edificio que hoxe alberga a biblioteca municipal e que foi entre 1844 e 1875 “Escola de Náutica e Comercio de Ribadeo”, evidenciando a importancia na economía local das navieiras e o transporte marítimo. Neste mesmo recuncho da vila atópase “O Patín”, un dos edificios civís máis antigos de Ribadeo e cuxa familia era coñecida por comerciar con madeira. A fachada principal ostenta o escudo dos Menéndez Navia.

CASA DE ABAIXO

Outro punto emblemático do itinerario é esta casa propiedade de Francisco Antonio Bengoechea. Este comerciante mariño de orixe vasca establécese na vila en 1839 e funda a “Casa de Banca e Comercio Bengoechea” adicada á actividade comercial, navieira e bancaria. Esta entidade, que funcionaría durante máis dun século, chegou a contar con trinta e tres barcos mercantes. O nome popular que recibe a casa asóciase -por contraposición- á mencionada “Casa de Arriba” (Pazo de Ibáñez).

ATALAIA

A rúa Bispo Veres e a rúa Atalaia, coas súas antigas casas señoriais, conéctannos con este promontorio sobre o porto, lugar de interese dos máis significativos de Ribadeo pola súa historia e pola beleza das súas vistas. Debido á súa localización, o lugar foi utilizado desde tempos medievais para guiar aos navegantes por medio de fogueiras, converténdose en 1542, en baluarte defensivo. Aquí sitúase a Capela da Santísima Trindade, unha das máis antigas de Ribadeo, construída no século XII sobre tramos da antiga muralla. Dende esta contorna, é posible acceder ó ascensor panorámico que conectará co Porto.

CASA DE GUIMARÁN E ANTIGA ADUANA

Unha vez situados no Paseo Marítimo, avánzase -cara á Ponte dos Santos-, ata chegar a unha chaira (aparcamento) dende a cal se contemplan dous edificios moi importantes deste percorrido. O primeiro deles, á dereita -de costas ó mar- é o Pazo de Guimarán e á esquerda, a antiga Aduana.O Pazo de Guimarán é un gran edificio do século XVIII construído -ou ampliado- polo rico empresario e comerciante Bernardo Rodríguez de Arango e Murias Mon, alcumado “O indiano” e nado en Santa Eulalia de Oscos (Asturias). Nesta casa traballaría Raimundo Ibáñez iniciando a súa carreira como comerciante.

Pola súa banda, a “Antiga Aduana” -que reflicte claramente a relevancia do comercio marítimo en Ribadeo-, é un edificio de porte señorial do século XVIII que foi en orixe o casarón particular de Don Carlos Acevedo Pardo. Nel residiu tamén Pedro Miranda Villamil, exitoso comerciante contemporáneo de Raimundo Ibáñez.

PORTO DE PORCILLÁN

A evolución da vila de Ribadeo está intimamente relacionada co seu porto. A existencia do núcleo urbano remóntase polo menos ó século IX, época dende a cal está documentada a existencia de dúas aldeas de pescadores ó redor de Cabanela e Porcillán.

A partir da Idade Media, o porto de Porcillán desenvólvese impulsado pola actividade comercial chegando a converterse nun dos portos máis importantes da costa Cantábrica, especialmente durante os séculos XVIII e XIX e ata a aparición da navegación a vapor que motiva a decadencia da navegación a vela, dominante entre as navieiras locais.

Hoxe, a privilexiada zona do porto de Porcillán é un espazo de lecer e servizos conectada por un paseo marítimo polo que transita o Camiño Natural Ruta do Cantábrico e a Senda Azul. É a zona de chegada das lanchas que conectan ámbolos lados da ría e entrada oficial de Camiño de Santiago do Norte en Galicia.

O porto deportivo, con Bandeira Azul, está xestionado polo Club Náutico e conta cunha boa oferta actividades vinculadas á práctica de deportes náuticos e subacuáticos.

RibadeoXQSi

GRATIS
VER