Ribadeo Birding

RIBADEO, UN PARAÍSO PARA OS PAXAROS

A ría é de moi alto interese para os ornitólogos, que dispoñen dun observatorio estable. Durante o inverno, convértese en refuxio para unha gran variedade de especies que veñen dende o norte de Europa en busca de climas máis benignos para pasar a estación fría. Moitas delas utilizan a ría como un lugar de parada no que descansar e repoñer forzas, antes de continuar a súa viaxe cara os seus cuarteis de inverno (sur da Península ou África).

Outras moitas elixen a nosa ría como o seu destino definitivo, converténdoa no seu lugar de invernada. Nesta época destacan polo seu gran número os grupos de limícolas, gaivotas, garzas, e moi especialmente as anátidas, con grandes concentracións de pato rabilongo (Anas acuta), lavanco (Anas platyrhynchos),pato asubión( Anas Penélope) ou cercetas ( Anas crecca). De todos os xeitos, aínda que esta sexa a época con máis abundancia de aves debido á chegada das invernantes, durante todo o ano os afeccionados á ornitoloxía poden gozar da observación, debido a que nas distintas épocas de paso migratorio, ou mesmo no verán, pódense ver outras especies novas procedentes doutras latitudes, que se suman ás que durante todo o ano viven aquí.

Debido a esta gran riqueza ambiental, a ría de Ribadeo está catalogada como “LIC- ZEPA da Ría de Ribadeo” (Lugar de Interese Comunitario – Zona de Especial Protección de Aves), segundo o Directiva Hábitat da Unión Europea, polo que pertence á Rede Natura 2000; “Humidal de Importancia Internacional” segundo a Convención Internacional Ramsar; “ ZEPVN” (Zona de Especial Protección dos Valores Naturais) e “Humidal Protexido” segundo a Rede Galega de Espazos Naturais Protexidos.

RibadeoXQSi

GRATIS
VER