Debido a esta gran riqueza, a ría de Ribadeo foi recibindo diferentes figuras de protección que dan mostra do seu gran valor ambiental. Así, está catalogada como “LIC- ZEPA da Ría de Ribadeo” (Lugar de Interese Comunitario – Zona de Especial Protección de Aves), segundo a Directiva Hábitat da Unión Europea, polo que pertence á Rede Natura 2000, e “Humidal de Importancia Internacional” segundo a Convención Internacional Ramsar. Ademais, a ría pertence ó conxunto territorial declarado pola UNESCO “Reserva da Biosfera do río Eo, Oscos e Terras de Burón”, do que forman parte sete municipios galegos e sete asturianos.