Festas
e
Eventos

FESTAS E EVENTOS

Nunha vila cun pasado cultural tan rico e diverso coma o noso, as súas festas e eventos de tradición histórica e cultural son un dos maiores atractivos. Representada neles, a idiosincrasia ribadense, aberta e acolledora, convida ó visitante a participar dunha forma moi viva das súas tradicións, patrimonio e gastronomía, que se dan a man para ofrecer o mellor desta terra. A festividade do Carme, Ribadeo de Tapeo ou a “ Festa da Carne ó Caldeiro”.

O ENTROIDO

Corenta días antes do Xoves de Pascua. A partir da década dos anos oitenta a semana de Entroido consolidouse como unha das convocatorias máis celebradas e na que máis veciños participan. Os festexos comezan o domingo, co pregón, e as convocatorias centrais son o desfile das comparsas (martes) e a queima (sábado).

FESTA DAS CRUCES

Declarada de Interese Turístico Galego, celébrase sete semanas despois do Domingo de Resurrección no lugar da Ponte, parroquia Arante. Abandeirados das distintas parroquias pasean os seus pendóns para conmemorar a vitoria dos paisanos contra as tropas napoleónicas do xeneral François Fournier, na Guerra de Independencia.

RIBADEO INDIANO

A segunda fin de semana de xullo. Aproveitando un rico escenario arquitectónico, e coa intención de rememorar vellos tempos, preténdese facer do Ribadeo do século XXI, un escenario onde localizar un ambiente propio de principios do século XX recreando unha sociedade claramente influenciada polas tradicións e modas traídas polos indianos.

FESTA DO PERCEBE

Celebrada a finais de xullo ou principios de agosto en función das mareas na pintoresca localidade de Rinlo. Degustacións dese e doutros mariscos levan a cabo nos establecementos e na carpa instalada no seu histórico porto.

XIRA DE SANTA CRUZ

Celébrase o primeiro domingo de agosto na vila e no miradoiro de Santa Cruz. De Interese Turístico Nacional, o festexo iniciouse en 1965, cando no miradoiro foi erixido o monumento ó Gaiteiro Galego e foi institucionalizado o Día da Gaita. Os festexos empezan o sábado co pregón, o domingo pola mañá varios grupos de gaiteiros e tamborileros percorren as rúas da vila; a media mañá fronte á casa do concello actúan distintas agrupacións folclóricas e a continuación centos de ribadenses e visitantes concéntranse no monte de Santa Cruz para facer a ofrenda floral ó Gaiteiro Galego, comer e gozar da verbena que pecha a xornada.

FESTA DE SAN ROQUE

O 16 de agosto. En honra a un dos patróns de Ribadeo, San Roque, inclúe a tradicional misa na pequena capela que acolle a imaxe do santo, coa posterior procesión dos Cocos e Cabezudos, e un concerto da Banda Municipal de Música. Xa pola tarde, festa e á noitiña, verbena.

FESTAS DA PATRONA

Celebradas o 8 de setembro na vila. Convocadas en honra a Santa María del Campo, patroa de Ribadeo, os festexos comprenden sete días, a chamada Semana Grande, que inclúe actos relixiosos, culturais e deportivos, representacións teatrais e de marionetas, concertos, verbenas e os pasacalles dos populares Cocos e Cabezudos.

RibadeoXQSi

GRATIS
VER