Rinlo é un porto de orixe medieval creado nun dos poucos entrantes propicios para iso desta costa: a enseada da Areosa. Trátase dun porto tradicional de pesqueiros. Mostra disto é a súa confraría de pescadores, unha das máis antigas de España.
Importante é o seu pasado marisqueiro. Sobre o ano 1904 comeza a funcionar en Rinlo unha cetaria natural destinada ó cultivo de lagosta e centola, levantada sobre unha zona da costa onde unha lingua de mar entra nas rochas e constrúe unha pequena piscina natural e zona de abrigo. Poucos anos máis tarde entran en funcionamento as outras dúas cetarias coas que conta Rinlo.
Ademais, cada ano esta vila, celebra a Festa do Percebe en xullo ou agosto, en función das mareas, coa degustación dese e doutros mariscos.