As Catedrais

A meca cantábrica do gótico natural

As poderosas augas do Cantábrico labraron, co paso dos séculos, o que hoxe se antolla como capricho da natureza. Con formas imposibles, as rochas da Praia das Catedrais sorprenden porque se asemellan máis a un decorado, minuciosamente trazado, que a unha sucesión de grutas, pasadizos e arcos, converténdose nunha das praias máis bonitas do mundo.

O seu topónimo orixinal, Praia de Augasantas, débese, probablemente, á antiga presenza dun manancial de augas medicinais con propiedades milagrosas, segundo a crenza popular.
Hoxe é popularmente coñecida como Praia das Catedrais, pois as súas formacións rochosas lémbrannos
ós arbotantes das magníficas catedrais góticas, facendo deste enclave a meca cantábrica do gótico natural.

Declarada Monumento Natural no 2005, é ademais unha das ZEC (Zona de Especial Conservación) da Rede Natura 2000, Zona de Especial Protección dos Valores Naturais, así como tamén Reserva da Biosfera dende o 2007. Na ZEC “ As Catedrais” foron identificados un total de 21 tipos de hábitats naturais.

Para visitar esta praia é imprescindible acudir en marea baixa, pois estando a marea alta a praia non é accesible, xa que queda cuberta pola auga. Para ver as formacións rochosas máis espectaculares, debemos camiñar uns 600 metros á dereita unha vez baixamos as escaleiras de acceso, penetrando así nunha máxica paisaxe de grandes illotes, covas, furnas e bufadoiros produto da erosión mariña ó longo do tempo.

O acceso á praia é gratuíto e está restrinxido entre o día 1 de xullo e o 30 de setembro e en Semana Santa podendo visitar o areal un máximo de 4812 persoas diarias.

Para obter a autorización de acceso ao monumento natural existen tres opcións:

  • Se os visitantes se aloxan no Municipio de Ribadeo poderán solicitar un pase no establecemento e terán entrada de maneira directa.
  • Co ticket do autobús lanzadeira “Bus Praia” que sae de Ribadeo (1ª saída dende a Oficina de Turismo), e que garante a entrada ao areal.
  • A través dunha páxina web habilitada e xestionada pola Xunta de Galicia. As reservas a través deste medio unicamente se poden facer cun prazo MÁXIMO de 30 días de antelación.
RibadeoXQSi

GRATIS
VER