Praza de España

O nome histórico desta praza -centro neurálxico actual da vila-, é «Praza do Campo”. Situada extramuros, servía como zona de esparexemento para os veciños e para a realización de exercicios militares. Máis tarde coñeceríase como Campo de Santa María, e na segunda metade do s. XVIII, era a principal zona de paseo da vila. Constaba de tres “rúas”, a central, empedrada para o paseo das clases altas e as laterais, de terra, para uso do pobo. As primeiras árbores plantáronse no s. XVIII e dotouse de iluminación en 1913.

EDIFICIOS EMBLEMÁTICOS

Ó redor desta praza álzanse emblemáticas construcións que permiten percorrer a historia de Ribadeo. É o caso do neoclásico Pazo de Ibáñez, hoxe sede do Concello de Ribadeo; a Torre dos Moreno; o Convento de Santa Clara; a Igrexa Parroquial de Santa María del Campo, e o Edificio de Aduanas, actualmente sede do servizo de vixilancia aduaneira. Este último, pon en evidencia a importancia que historicamente supuxeron as navieiras e o comercio marítimo para Ribadeo.

CASAS FIDALGAS

Ó fondo da Praza atópanse dous edificios singulares. O primeiro deles é un vello caserón que conserva os antigos soportais. O outro, unha vivenda fidalga ( s. XVII- XVIII) coas armas dos Méndez-Navia e Villaamil.

RibadeoXQSi

GRATIS
VER