Aínda que as formas que derivan deste peculiar encontro entre o mar e o continente sexan as protagonistas, non se debe pasar por alto a riqueza que este lugar posúe no que se refire á súa flora e fauna, propias da costa Atlántica, especies que tiveron que adaptarse ás extremas condicións ambientais do lugar. Así, a “herba de namorar”, o fiúncho de mar, o toxo ou o breixo forman parte da vexetación terrestre da zona. No que respecta á vexetación mariña destacar as algas vermellas e algas coralináceas incrustantes que, xunto cos liques, modifican o aspecto orixinal dos cantís.