Na costa desenvolvéronse formacións xeomorfológicas de gran beleza.
Dende a Illa Pancha, no leste, ata o límite co municipio de Barreiros, no oeste, o litoral ribadense convértese nunha infinidade de entrantes e saíntes.
Entre os primeiros predominan as praias recollidas, como as de Rochas Brancas, Xuncos, As Illas, Os Castros e Esteiro, ou pequenas enseadas rochosas como A Insua, Arnela, Loureiro, Coedo, Areosa, Cegoñas ou Cabalar, en ocasións cubertas de cantos rodados e que poden pasar desapercibidas se o visitante non se achega o suficiente á beira do mar.
Entre os segundos destacan numerosos saíntes, auténticos aguillóns que se incrustan no mar como o Penedo da Insua, Penedo do Corvo, Punta Corveira, etc.