O nome histórico desta praza -centro neurálxico actual da vila-, é «Praza do Campo”. Situada extramuros, servía como zona de esparexemento para os veciños e para a realización de exercicios militares. Máis tarde coñeceríase como Campo de Santa María, e na segunda metade do s. XVIII, era a principal zona de paseo da vila. Constaba de tres “rúas”, a central, empedrada para o paseo das clases altas e as laterais, de terra, para uso do pobo. As primeiras árbores plantáronse no s. XVIII e dotouse de iluminación en 1913.